DAVID REGUEIRO QUARTET “O Camiño”

Cando souben que Carlos Sabrafén viña vivir a Galiza, o primeiro que fixen foi levarlle a miña vella Gibson 175 para facerlle unha serie de cambios bastante delicados. Así foi como nos coñecimos persoalmente. Conectamos de seguida.

Pouco despois, Carlos comezaba co deseño da súa guitarra de jazz “Maruxa” e pediume que pasara polo seu obradoiro para darlle a miña opinión sobre as diferentes innovacións que ía implementando no instrumento. Era unha guitarraza xa desde o primeiro momento. Tempo despois, tiven a honra de presentar o primeiro prototipo de “Maruxa” en Allariz, vila onde mora actualmente o luthier.

A comezos do 2020 chamoume Carlos Airas Cota, o seu socio, para explicarme o proxecto no que estamos inmersos e preguntarme se estaba interesado. Imposíbel non o estar: Carlos Sabrafén faría unha guitarra de jazz con madeiras galegas e inspirada en Galiza para min, e eu presentaría o instrumento con 10 actuacións en diferentes concellos do Camiño de Santiago. A miña resposta xa a podedes imaxinar…

Uns días máis tarde púxose en contacto comigo Luis Risco, da Fundación Vicente Risco -que facilitou toda a parte técnica- e tivemos a primeira reunión. Xuntos desenvolvimos o deseño do proxecto: gravar un disco de temas orixinais inpirados en Galiza a cuarteto de jazz e presentalo nas 10 actuacións das que falara Carlos Airas coa nova guitarra de Carlos Sabrafén.